PARA E POR QUE?

Os argalleir@s das letras comezamos este curso " ilusionad@s" por saber cal sería o novo reto que nos estaría esperando. E se estabamos "ilusionad@s", así seguimos, xa que nos gusta o que estamos facendo. 
Algunha vez vos parastes a ler as dedicatorias que aparecen nos libros? Pensastes en quen serían as persoas que teñen a sorte de que os agasallen cun traballo que levou tanto tempo? Por que algúns autores e autoras dedican as obras a ideas, illas....? Pois nós estamos lendo todas as dedicatorias que agochan os libros da nosa biblioteca. Moito traballo nos queda, pero ímolo levando. 
Comezamos distribuíndo os fondos da biblioteca por " columnas" e asignámoslle unha a cada grupo de argalleir@s para que se encargasen de buscar información e copiala. 

Así é como identificamos as columnas para o traballo.
Os primeiros días foi un completo desastre, porque gardabamos a información en lapis de memoria e logo "as profes" toleaban para organizalo todo. Decidiron traballar en rede e aí estamos. Agora faise máis levadeiro o traballo, aínda que custou! Xa sabedes que non hai nada que se nos resista @s argalleir@s, ben a algúns... !!!
Ao final do traballo queremos facer un libro con todas as dedicatorias e elixir as que máis nos chamaron a atención para, de ser posible, contactar cos autores ou autoras, entrevistalos e saber algunhas cousas que nos interesan moito. 
Teredes máis información ao longo do curso, pero se queredes ler a noticia que aparece en El progreso sobre esta actividade podedes facelo pinchando aquí. 
As argalleiras, Sara, Sabela, Aldara e Jessica, 3ºESO. 

AS VINTE E UNHA PLANTA CELTA PARA A NOSA ALAMEDA LITERARIA



Este ano, os argalleiros e argalleiras das letras aventurámonos nunha nova viaxe pola nosa Alameda literaria das árbores celtas. 
Desde comezos do curso estamos traballando neste proxecto con moito entusiasmo. Contarémosvos en que consiste, pero non revelaremos todos os segredos ata que rematemos. 
Primeiro, buscamos cales serían as vinte e unha plantas que tiñan presenza na cultura celta, coma xa sabiamos que a violeta, coa que agasallamos aos famosos que nos visitaron a comezos de curso para finalizar a actividade Lemos por e para vós a Antoloxía poética das árbores celtas, era unha delas, comezamos a investigar cales serían as vinte restantes.  
Seleccionamos as que iamos traballar con elas, buscamos o nome en latín, o nome en galego e algunha información sobre elas, para que as empregaban os celtas, que propiedades teñen..., aínda que algunha resistiuse e resístese. Aprendemos moito e pasámolo moi ben buscando algúns nomes e información que son imposibles!!!
Algunhas argalleiras encargámonos de debuxalas e facémolo con moita ilusión para que queden moi bonitas. 
Aquí vai unha mostra, que planta será?


Recolleremos todo este traballo nun libro que titularemos As vinte e unha plantas celtas.
Ao rematar plantarémolas ao pé das árbores da nosa alameda e, coa axuda da farmacéutica especializada en plantas, Camino Pérez, aprenderemos máis segredos destas plantas.
Pronto teredes máis noticias, pero desta vez será no blog que temos dedicado á Alameda literaria das árbores celtas. 
Podedes ler a noticia que saiu en El progreso sobre esta actividade que estamos a realizar. 
Argalleiras: Sara, Aldara, Sabela e Jessica , 3º ESO.

Unha historia sobre a violencia de xénero

O día 25 de novembro xa pasou, pero a violencia de xénero segue estando presente. Continúa asentada na nosa sociedade,  nas nosas vidas, nas nosas mentes... Que nos pasa? Que temos que facer para cambiar e rematar dunha vez  con esta atrocidade? Ninguén se dá conta da crueldade, brutalidade, bestialidade, barbaridade... que viven moitas mulleres? 
Por se non o tiñades moi claro, a Argalleira das letras de 4ºESO, e gran artista plástica, Cristina Souto realizou este cómic que sintetiza e reflicte mellor que ningún manual, titoría, charla.... ESTA REALIDADE. 


Estamos no certo, non si? Pois entón, a que esperamos para rematar esta situación?


COMPRA SOLIDARIA

@s argalleir@s das letra non paramos. Sempre andamos ás présas e moitas veces non facemos as cousas como deberiamos, pero facémolas, que é o importante. 
O Nadal xa está aí  e sabemos que, por desgraza, aínda hai que seguir axudando a familias da nosa vila porque non están pasando un bo momento económico. Por iso decidímonos a facer a compra xa para que os responsables dos Servizos sociais do concello vaian distribuíndo os alimentos que compramos e así facerlles máis levadeira a situación a estas persoas. 
Este ano foi diferente porque a Elena e a Chelo veulle a présa. Decidiron ir no recreo  e alá fomos cos cartiños recadados dos nosos traballos. Tiñamos 131euros para gastar en alimentos de primeira necesidade e así o fixemos. 

Aquí nos vedes. Sabela, Jessica, Aldara, Silvia, Xan, Nono, Vicente e Santi como representantes de tod@s @s argalleir@s das letras facendo a compra. 

Aos argalleiros custáballes un pouquiño localizar os produtos
Pero axudaban e daban con eles
E aí estaba Elena para reconducir todo e ver que non faltara nada
Chegou o momento de pasar por caixa

E aí estaban os nosos cartos para axudar, unha vez máis
Sabemos que non tivemos tanto tempo como noutros anos para cadrar as contas como deberiamos, pero o que si vos dicimos é que todo o que compramos está feito de corazón. 
Aproveitamos para preguntarlles ás persoas que están no goberno, POR QUE NON TODAS AS PERSOAS TEÑEN DEREITO A ALIMENTARSE E VIVIR CON DIGNIDADE?  POR QUE INVISTEN OS CARTOS EN COUSAS, ás veces,  INÚTILES E NON O FAN NO QUE O TEÑEN QUE FACER?
Nós seguiremos axudando, pero non sería mellor gozar todos e todas dun mundo máis xusto e igualitario?

NÓS DICIMOS NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO


Sabela, 3ºESO


TODOS E TODAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Imos compartir con todos e todas vós o que levamos traballando dende hai días para BERRAR moi alto que HAI QUE PARAR A VIOLENCIA DE XÉNERO, E TODA CLASE DE VIOLENCIA, XA!
Aquí vedes o debuxo realizado por Cristina Souto ( 4ºESO) que transmite o que sentimos tod@s ante este tipo de violencia.


Pero hai moitos e moito máis...

Carmela, 2ºESO 
Xa levamos un tempo preparando os materiais que acompañarán ás nosas voces ese día para berrar moi alto e claro que non QUEREMOS MÁIS VIOLENCIA DE XÉNERO, porque HOME e MULLER somos PERSOAS e temos os mesmos dereitos.
Irene, 1ºESO
Aquí vai  a letra do rap que compuxeron @s nos@s compañeir@s de 1ºESO A.

Dende o Castro da Uz poñemos a base
porque a violencia de xénero é todo un desfase.
O home borracho insultaba
mentres a súa muller limpaba.
A muller cociñaba
mentres el se emborrachaba.
Non lle gustaba como cociñaba,
e por iso el lle pegaba.
O neno miraba mentres
el se desafogaba.
O neno miraba mentres
el lle pegaba.
O neno miraba mentres
el a insultaba.
O neno berrou:
Basta xa de pelexas,insultos, desfases
mamá non merece que así a maltrates.
O pai enfadouse
o neno encarouse.
Berrou outra vez:
Basta xa de pelexas, insultos, desfases
Mamá non merece que así a maltrates.
Para xa non te pases!
Para xa e vaite!
Lograremos sorrir
Lograremos sentir
Lograremos vivir
Moi lonxe de ti.
Basta xa de pelexas, insultos, desfases!
Ninguén se merece que así o maltraten. 

Agardamos que, cando lle poñan voz, siga estando tan clara a mensaxe como a que transmitiron na letra.
Irea e Paula, 2ºESO

Escribimos relatos...

A miña amiga Icía era unha nena feliz e agora é infeliz. Tiña un mozo e non vía o malo del, pero nós sabiamos que a historia non ía rematar ben. Deixou de vir coas amigas, só ía co noivo e coa súa panda. Só con el. Só con eles. Cando viña con nós el interrogábaa, miráballe o móbil, increpábaa pola súa vestimenta... Ela non era libre, pero non o deixou. Nós avisabámola, pero non facía caso.
Pasou o tempo e crecemos todas felices, menos ela, notábaselle.
Un día vímoslle un negrón e preguntámoslle:
- Pégache o teu mozo?
- Non
- E iso?
- Caín pola escaleira.
Non a volvemos ver. Nin escribía nin nada. Hoxe intentamos achegarnos á súa casa, pero non estaba. Deixamos de buscala e perdémoslle a pista. Non soubemos nada máis.
Dende aquela, nós decidimos ir polos colexios e institutos para axudar co seguinte lema:
TI NON ES DE NINGUÉN MÁIS QUE DE TI MESMA.


NON PERMITAS A VIOLENCIA DE XÉNERO.
Ada Fernández, 1ºESO

Victoria de Pedro

E puxémoslles voz aos microrrelatos e relatos que escribimos. Aquí están as nosas voces berrando contra a VIOLENCIA DE XÉNERO. Voces que soarán dende a Radio escolar, Radio Ras, durante todos os recreos da semana.

E seguimos poñéndolle imaxes a este día:
Aroa, 1ºESO


Sara, 3ºESO
E argallando máis actividades entre todos e todas para acabar con este tipo de violencia.

Traballamos fóra
Traballamos dentro
Facendo insignias....
Ensaiamos para gravar o RAP.


E así saíu:


Cando chegamos o luns ao centro vimos a lona, que tiñamos preparada para colocar o lazo contra a violencia de xénero, tirada no chan. As condicións metereolóxicas foran as "culpables". Non pasa nada! Sabemos repoñernos a calquera adversidade. PENSAMOS.... E AÍ VEDES O RESULTADO.


Durante a semana do 20 ao 25, Radio Ras seguiu achegando as nosas voces que lembraban que NON QUEREMOS MÁIS VIOLENCIA DE XÉNERO. O venres, Irene, a nosa compañeira de 1ºESO, leu este texto de Jorge Bucay. 


TODO O IES CASTRO DA UZ CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO!!!

Os nosos relatos contra a violencia de xénero

Aquí están os relatos que nós mesmos escribimos contra a violencia de xénero, aos que poñemos voz os alumnos de 1º ESO.


Microrrelatos Violencia de Xénero

Poñemos voz aos microrrelatos que escribimos o ano pasado contra a violencia de xénero.